09/06/2009

MENSAXE E REFLEXIÓN DA COORDINADORA GALEGA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os membros da CGENDL, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que, polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.
Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.
Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.
Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que
se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades. Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.
E dito isto, queremos insistir en:
a. é unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade.
b. se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”.
c. o galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino.

Estes parécennos motivos suficientes e razoables para difundir este tríptico entre as familias e a sociedade galega en xeral. Polo tanto, está á disposición de todos aqueles ENDL, ANPAS, direccións de centros ou calquera persoa da comunidade educativa ou relacionada co mundo do ensino, e mesmo da sociedade en xeral, que queira difundilo.

BREVE VALORACIÓN DA ENQUISA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

A enquisa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pensa distribuír esta mesma semana entre as familias a través dos centros educativos é pouco rigorosa e mostra un grande descoñecemento tanto da sociolingüística coma do mundo do ensino, o que nos parece aínda máis grave.
Por poñer un exemplo, non existen materias troncais no ensino non universitario, esta é unha
terminoloxía do ensino universitario. Polo tanto, o señor Conselleiro debería saber que o que hai son materiais obrigatorias e optativas, propias de modalidade ou non. É así que non vén a conto empregar o termo “troncais” porque non hai unhas materias máis importantes ca outras, todas teñen unha misión educativa global.
Centrándonos na cuestión da análise sociolingüística, nunha breve análise podemos observar:
1. En qué documento, lexislación, tratado, artigo ou normativa aparece recollido o dereito a escolleren os pais a lingua da docencia dos fillos? Porque si existen moitos outros dereitos que as persoas, na maior parte dos casos, non poden exercer, por exemplo o dereito a seren atendidas en galego na Xunta de Galicia cando o soliciten.
2. Estase preguntando sobre un dereito, “o dereito de coñecer o galego”, fallando na metodoloxía, porque tal e como están presentadas as preguntas non fai falta ser moi experto para darse conta de que o que se extraia de aí non pode valer para moito e menos para facer un novo decreto. Porque? Nas opcións de resposta vemos:
· “todo en galego” que non se refire a todo o ensino en galego, senón a tódalas materias, que na enquisa se denomina troncais, en galego.
· “a maioría en galego” (que é a maioría?: o 52% ou o 95%?), · “unhas en galego e outras en castelán”, a xente pode pensar que esta é a mellor resposta porque indicaría o 50% e iso non é certo. Se queremos que o 50% do ensino estea en galego hai que contestar “todas en galego” que é o que marca o actual decreto.
3. Tampouco é fiable xa que non presenta as mínimas garantías de calquera consulta para que os resultados sexan cribles. O universo da investigación parece que vai ser todo, pero, como o van garantir?
· A cantos pais lles vai chegar? Nestas alturas de curso, como van facer para que o alumnado entregue na casa a enquisa e a traia de volta no prazo duns días. Ademais, como van asegurar que a enquisa a van contestar os pais que deban facelo?
· Cantos pais van contestar? Os concienciados dunha ou doutra banda, pero vai ser fiable se só contesta un 10% e esa porcentaxe está nutrida maioritariamente por pais das urbes, por exemplo.
Para ter algunha fiabilidade debería haber unha mostra estratificada que cubra a diversidade sociolingüística da sociedade.
· Déixase a distribución e recolla en mans de direccións que no final de curso están sobrecargadas de traballo.
· Pregúntase aos pais con fillos escolarizados en xuño de 2009 mais non aos que van entrar no sistema en setembro. Contestan os pais que tiveron fillos neste curso que vai rematar dos que parte non van estar escolarizados no vindeiro curso? Por que non se lles pregunta aos pais que van escolarizar rapaces para o vindeiro curso?
4. Pretenden facer un referendum? Para iso habería que facer outras preguntas e formulalas de modo diferente. O que se cadra era interesante preguntar era se os pais consideraban importante que os seus fillos/as ao rematar o ensino obrigatorio fosen competentes nas dúas linguas oficiais en Galicia, con dúas opcións de resposta: Si ou Non .
5. Non houbo unha campaña de información rigorosa previa. Non se deu. Prevalece a propaganda mediática que tivo e ten intencións políticas máis ca educativas. Non se lles pode mandar ós pais que contesten unha enquisa con tantas “eivas” nun momento de “marexada” informativa, cando ademais falamos dunha poboación que está chea de prexuízos cara ó galego derivados en moitos casos da represión lingüística que sufriu o galego ata os anos 80.
Para rematar: fará a Consellaría máis enquisas sobre temas fundamentais como a ratio de alumnos/as por grupo, a necesidade de persoal de apoio nas aulas ou pola seguridade nos autobuses? E se pregunta sobre o gasto en biblioteca por centro ou o financiamento dos comedores escolares?

Nenhum comentário:

Postar um comentário