24/04/2009

O RINO regálache un conto...


A editorial Rinoceronte regálache un conto dun dos clásicos da narrativa universal.

Na súa páxina web, no enlace que che damos a continuación, tes un aperitivo dun dos libros máis cheos de interesantes historias... o Decamerón.

23/04/2009

... e chegou o DÍA DO LIBRO

O 23 de abril conmemórase o pasamento de tres escritores: o español Miguel de Cervantes e Saavedra, o inglés William Shakespeare e do cronista Garcilaso da Veiga (o Inca), todos ocorridos en 1616. Desta forma, a Unesco en 1995, aprobou proclamar o 23de abril de cada ano o "Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor".

O xesto de regalar un libro está relacionado con Cervantes e Shakespeare. Estes soberbios escritores pasaron á Historia polas súas fabulosas obras, chegando a ser un símbolo importante nos seus respectivos países. O mundo recoñece o traballo destes xenios celebrando cada 23 de abril o Día do Libro. Así se fixo.

O Día do Libro celébrase o 23 de abril de cada ano desde 1930 e coincide coa entrega que fai o rei Juan Carlos I do Premio Miguel de Cervantes. En 1964 quedou instituido oficialmente como o Día do Libro para todos os países de lingua castelá e portuguesa. No ano 1993, a entón Comunidade Europea, proclamouno como Día Europeo do Libro. Finalmente, a UNESCO decidiu, en 1995, fixar a data para a celebración do Día Mundial do Libro. Durante esta xornada instálanse postos callejeros para a venda de libros e os editores e libreros fan un desconto especial. As institucións oficiais tamén realizan actividades conmemorativas.

... e SANT JORDI
Cataluña celebra dunha forma moi especial o día do libro. O 23 de abril os homes regalan rosas ás mulleres e estas regalan un libro aos homes. Esta bonita tradición baséase na lenda de Sant Jordi .

A lenda conta que un feroz dragón tiña aterrorizados aos habitantes do reino, queimaba os bosques, comíase ao gando, esnaquizaba os cultivos... Decidiuse entón que había que dar fin a esa ansia destructora e negociaron un acordo tras duras horas de discusión. O pacto consistía en que todos os días entregarían ao dragón unha moza para saciar o apetito do monstro. Así estiveron un tempo e aos poucos o reino foise quedando sen mulleres novas. Para que non houbese problemas nin altercados, sempre se facía a elección mediante un sorteo para elixir á muller que debía ser entregada.

Un día, a sorte quixo que fose a muller do rei quen debía ser entregada ao dragón. Tras deixala no lugar sinalado, marcharon ao pobo por temor a que o dragón fixéselles dano. Ao cabo dun intre, este apareceu e, cando se ía a comer á doncela, un cabaleiro que montaba un cabalo branco atacou ao dragón. Ambos estiveron pelexando por longo intre e nun dos lances do combate, Sant Jordi, que así se chamaba o cabaleiro, cravou o seu lanza en en ventre do malvado dragón, matándoo no acto. Da ferida que o lanzazo produciulle ao monstro manaba moito sangue que cando entrou en contacto co chan, converteuse en rosas. Sant Jordi colleu unha daquelas fabulosas rosas e regaloulla á doncela que a levou ao pobo entre grandes berros de alegría.

Desde entón ata agora, cada 23 de abril os homes regalan unha rosa á dama que reina no seu corazón. As damas, para corresponder tal detalle para con elas, regalan un libro aos seus amados. Cataluña celebra deste xeito o día do libro.











22/04/2009

visitemos aos nosos veciños do sur...


Un clásico das letras portuguesas é o escritor MIGUEL TORGA , moi popular na súa terra e recoñecido a nivel internacional. Entre as súas obras, Galaxia ofrécenos en galego Contos da montaña, un libro de relatos sobre a dureza e o dramatismo sinxelo da vida rural, espazo transformado polo autor en mítico.

21/04/2009

máis de literatura contemporánea...


ARTO PAASILINNA (Kittila, Finlandia, 1942) escribiu O bosque dos raposos aforcados.

Este autor, ex-gardabosque, ex-periodista, ex-poeta, ten grande éxito en Finlandia. A súa obra destaca polo seu humor orixinal e pola súa capacidade de contar dunha maneira realmente cómica as historias máis desconcertantes. E así se ve na historia de dous bandidos que se refuxian nun bosque que conta no libro recomendado.

Temos a súa obra na editorial RINOCERONTE.


20/04/2009

EROS OU ERROS?

A nosa compañeira e profesora da EPA, Paula, integrante ademais deste ENDL proponnos ao inicio desta semana:


ERROS E TÁNATOS
de Gonzalo Navaza
editorial Xerais

“Erros e tánatos” é un libro composto por dez relatos curtos, cheos de ironía, sorpresa e intriga. É o libro ideal para encher eses pequenos ocos de tempo libre, sempre que sexas capaz de soltar o libro ao rematar un relato… É un libro que te atrapa cunha linguaxe sinxela e fresca, que seduce coa trama das súas historias, pero sobre todo cos seus finais. Se che gusta a intriga, a sorpresa, o desconcerto, o sarcasmo… este é un libro que che fará pasar momentos moi entretidos.

17/04/2009

Na última recomendación desta semana retomamos os clásicos universais.

La Voz de Galicia e Galaxia editan Crime e castigo de FIÓDOR DOSTOIEVSKI (Moscova, 1821 – San Petersburgo, 1881), longa novela ambientada en San Petersburgo que salienta pola caracterización sicolóxica dos personaxes, sobre todo, do protagonista, o mozo Raskólnikov, que vive agobiado pola pobreza.




Os remorsos non o deixarán vivir tranquilo. Algo fixo que el sabe que non está ben, pero que el intenta xustificar con todo o ideario pre-revolucionario para calmar o seu pesar...

...métete de cheo nesta imprescindible novela do Realismo Ruso... e a disfrutar!!!

16/04/2009

En La Voz de Galicia e Tris Tram podemos encontrar os Contos do que este ano se celebra o bicentenario do seu nacemento, EDGAR ALLAN POE (Boston, 1809 – Baltimore, 1849)
... ... ... ... ... ... ...
Destacou como narrador de ficción científica con relatos fantásticos e de terror. Impresinan sobre todo os relatos de terror psicolóxico como O gato negro ou O enterro prematuro, nos que o autor consegue que nos metamos na mente do protagonista e suframos xunto con el os seus propios pesadelos.

Este escritor tivo grande influencia na literatura europea e tamén na galega, por exemplo, en Ánxel Fole.

15/04/2009

Elemental, o meu querido Watson...

Para os que gustamos das novelas policíacas, sempre gozamos coas aventuras do famoso e fabuloso detective Sherlock Holmes, que coñecemos grazas a seren recollidas polo seu grande amigo, o doutor Watson.
As aventuras dos dous podemos lelas tamén en galego, por exemplo, no libro no que os dous aparecen por primeira vez en 1887, Un estudo en escarlata de ARTHUR CONAN DOYLE (Edimburgo, 1859 – Crowborough, Sussex, 1930), editado por La Voz de Galicia e Galaxia.

14/04/2009

NOS MUNDOS DA FANTASÍA

Se che gustan as historias fantásticas e, ao mesmo tempo, ter unha ampla mostra de escritores galegos de distintas épocas históricas que se distinguiron no cultivo da literatura fantástica e tamén extranatural, daquela podes botar man da Antoloxía da literatura fantástisca en lingua galega, editada por Galaxia-narrativa.
Nela aparecen autores desde o século XIX ata os nosos días: Heraclio Pérez Placer, Francisco A. De Nóvoa, Vicente Risco, Castelao, R. Otero Pedrayo, E. Blanco Amor, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eliseo Alonso, Antón Risco, Camilo Gonsar, X.L. Méndez Ferrín, Arturo Lezcano, Úrsula Heinze e Carlos Casares.

13/04/2009

NOVA SEMANA, NOVAS PROPOSTAS

Se alguén aínda non leu O principiño este é o momento perfecto para facelo.
Ou dito doutro xeito, sempre é o momento perfecto para ler unha noveliña tan delicada, tan chea de sabedoría, e tan sinxela.

O seu autor é ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY (Lyon, 1900 - ¿? 1944)

Esta obra mestra pódese encontrar na colección Biblioteca Galega editada pola Voz de Galicia ou na editorial Galaxia.

En principio, é un libro para nenos pero, en realidade, tamén para adultos que algunha vez foron/fomos nenos, pois a través dunha maneira peculiar de ver e describir o mundo o autor transmítenos certa ilusión e fainos sorrir.

10/04/2009

IMOS COA POESÍA

Se che gusta a poesía, por que non probas a ler a de OLGA NOVO (Vilarmao, A Pobra de Brollón, 1975) Os poemas de Nós nus na editorial Ablativo Absoluto (Premio Losada Diéguez, 1997) son moi intensos e fannos comungar coa terra.


Degusta o que che amosamos deseguido e no que a autora "confesa" o seu proceso de creación poética, onde aparecen intimismo, “desgarro”, pracer...
os líquidos íntimos

coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

algunhas conservan estirados os nomes que gravei a navalladas
tódalas tardes ó volver da escola.

acostumada a tirar por un poema como por un becerro cando se lle ven as patas,
cando xa non se está en idade de medrar
toda maduración require un desgarro de tendóns
entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras que non se dirixen a ningunha parte,
sóbenme ás paredes desde as que te vexo,
arrancan coa lingua o pasto mentres te vas.

o tacto dos teus violíns faime chorar terriblemente.

e case non podo soportar que as túas mans me acariñen como a la dos xerseis que me facía a
miña mai cando era nena.

pero coa miña pel
coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

09/04/2009

ATUADO NA BRAÑA

XABIER QUIROGA é de Escairón e para amosarnos a súa terra escribiu Atuado na braña, ambientado non só na zona do Saviñao, senón tamén en Monforte e Ferreira de Pantón.


Se che gusta viaxar por estes lugares, así coma por outros máis intrigantes, como a zona pantanosa onde só viven mulleres, e polo mundo do protagonista, este é o teu libro.

A historia xorde cando un empresario santiagués, moi implicado no seu negocio, descobre que o seu pai (un falanxista cando viviu en Escairón, e que acabou retirado na Coruña) non é o seu pai biolóxico. De aí que decida viaxar a Escairón, onde o protagonista se encontra co misterio.

http://www.xerais.es/online43/atuado.htm

08/04/2009

O MAGO MERLÍN

Se queremos maxia nas nosas lecturas non temos que marchar moi lonxe...

...entre as obras dos nosos grandes escritores temos unha que ninguén pode pasar ser ler.

Un clásico da literatura galega é o grande escritor ÁLVARO CUNQUEIRO (Mondoñedo, 1911 - 1981) que nos presentou en 1955 a súa primeira novela:
Merlín e familia, editada na editorial Galaxia.

Nela, o coñecido personaxe da literatura artúrica e que hoxe coñecemos por diversas películas, o mago Merlín, aparece vivindo, xa vello e retirado, na súa casa de Miranda, en Galicia, en compañía de dona Xenebra e dos membros do seu servizo doméstico. O paxe Felipe de Amancia rememora desde a súa vellez os seus tempos de neno na casa de Miranda, cando o seu amo era visitado por viaxeiros de todas as terras para contar as súas historias e ver solucionados os seus problemas por Merlín.
É este un libro que mestura fantasía e realidade e que utiliza con mestría o humor, como, por exemplo, podemos ver no episodio no que un soldado vai pedirlle ao mago que lle busque os compañeiros perdidos, daquela Merlín entrégalle, metido nun cofre, “o camiño de quita e pon” para que o tire alí onde perdeu os compañeiros e o camiño dirixirao a eles, pero o camiño encolleu...

07/04/2009

DESHONRA

Segunda proposta...



...trátase de Deshonra, novela de J. M. Coetzee, escritor sudafricano que foi galardonado co Premio Nobel de Literatura no 2003.


Nela fálase por igual das relacións paterno-filiais; de racismo; de machismo; do sentido da vida; do orgullo; do sentido da xustiza...



A súa prosa é sinxela e de cómoda lectura, e por momentos poética. Pero o máis salientable son todas as ideas que desgrana de xeito moi plástico e visual.



Un libro breve pero cheo de contido, ideas e ben escrito, con persoaxes nada convencionais e con vidas que acaban conquistando o teu interese.



Dispós dela na mesma editorial que a anterior suxestión de lectura RINOCERONTE EDITORA.


http://www.letralia.com/136/articulo03.htm



06/04/2009

SEDA

A nosa primeira recomendación é unha noveliña que é unha auténtica delicia.


O seu mesmo nome xa apunta a súa delicadeza. Non é outra que Seda de Alessandro Baricco, e que foi publicada en galego pola editorial RINOCERONTE.



Trátase dunha fermosísima historia de amor disfrazada de libro de viaxes, ou dun libro de viaxes disfrazado de historia de amor. É unha novela de silencios, de xestos e miradas, de atracións incompresibles..., dunha atmosfera de misterio e sensualidade onde é preciso ler entre as liñas do texto o que está pasando no interior das personaxes.



Unha sobria e breve lectura para un gris día de orballo coma os que nos está a brindar esta Semana Santa no noso recuncho da vella Europa.


Que vos guste, como aperitivo do que vén...



...de quererdes saber máis, aí van estas ligazóns:




03/04/2009

O MES DO LIBRO

COMO BEN SABEREDES TODOS E TODAS
o día 23 de abril celébrase o Día do Libro conmemorando o pasamento de dous dos escritores que máis influíron na literatura universal: Miguel de Cervantes Saavedra e William Shakespeare, que faleceron o mesmo día: o 23 de abril de 1616.


Sobre tal conmemoración atoparedes información nesta ligazón:
http://portal.unesco.org/culture/es/ev.php-URL_ID=5125&URL_DO=DO_TOPIC&URL_SECTION=201.html

A nosa intención dende este blogue é extender esta iniciativa a todo o que resta de mes, e ir propondo ao longo dos días de abril variadas suxestións de lectura para estes días, para os que restan de curso, e mesmo para o verán.

Mañá sábado abriremos esta serie que agardamos sexa do do voso interese.

Apropiámonos do saúdo de alguén que ama moito a lectura, e que sabiamente se despide sempre con...

SAÚDE E LIBROS!