10/04/2009

IMOS COA POESÍA

Se che gusta a poesía, por que non probas a ler a de OLGA NOVO (Vilarmao, A Pobra de Brollón, 1975) Os poemas de Nós nus na editorial Ablativo Absoluto (Premio Losada Diéguez, 1997) son moi intensos e fannos comungar coa terra.


Degusta o que che amosamos deseguido e no que a autora "confesa" o seu proceso de creación poética, onde aparecen intimismo, “desgarro”, pracer...
os líquidos íntimos

coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

algunhas conservan estirados os nomes que gravei a navalladas
tódalas tardes ó volver da escola.

acostumada a tirar por un poema como por un becerro cando se lle ven as patas,
cando xa non se está en idade de medrar
toda maduración require un desgarro de tendóns
entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras que non se dirixen a ningunha parte,
sóbenme ás paredes desde as que te vexo,
arrancan coa lingua o pasto mentres te vas.

o tacto dos teus violíns faime chorar terriblemente.

e case non podo soportar que as túas mans me acariñen como a la dos xerseis que me facía a
miña mai cando era nena.

pero coa miña pel
coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário