08/03/2009

8 MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Queremos lembrar neste día o acto celebrado o curso pasado no Liceo de Ourense con tal motivo, no que profesoras e alumnas do centro EPA, coordinadas polo ENDL, ofreceron un precioso traballo recitándonos poemas de oito das nosas escritoras galegas; dende Rosalía de Castro, ata as máis novas coma Olga Novo.Para acordármonos diso, recordámosvos o cartel que o anunciaba, e na seguinte ligazón de youtube poderedes escoitar un dos fados que acompañaban o recital poético: Misia cantando Sou de vidro, do que vos ofrecemos a letra de seguido...




Meus amigos sou de vidro
Sou de vidro escurecido
Encubro a luz que me habita
Nâo por ser feia ou bonita
Mas por ter assim nascido
Sou de vidro oscurecido
Mas por ter assim nascido
Nâo me atinjam, nâo me toquem
Meus amigos sou de vidro

Sou de vidro oscurecido
Tenho um fumo por vestido
E um cinto de escuridâo
Mas trago a transparência
Envolvida no que digo
Meus amigos sou de vidro
Por isso nâo me maltratem
Nâo me quebrem nâo me partam
Sou de vidro oscurecido

Tenho um fumo por vestido
Mas por ter assim nascido
Nâo por ser feia ou bonita
Envolvida no que digo
Encubro a luz que me habita
Meus amigos sou de vidro
Nâo por ser feia ou bonita
Mas por ter assim nascido
Tenho um fumo por vestido

Nâo me quebrem nâo me partam
Nâo me atinjam nâo me toquem
Meus amigos sou de vidro.

05/03/2009

MÁIS FOTOS DO SAMAÍN











Xunto coas actividades que se celebraron esas datas de novembro, veredes nas fotos a entrega de premios aos gañadores do CONCURSO DE MICRORRELATOS de TERROR.










Os gañadores léronlle ademais os seus relatos premiados aos compañerios das distintas aulas.
Estas cabazas viñeron dende a provincia de Lugo para adornar o vestíbulo do noso centro

ACTIVIDADES CURSO 2008-09 - SAMAÍN




ACTIVIDADES CURSO 2008/09 - SAMAÍN




Este blogue naceu cando o curso estaba xa comezado, así que por iso, queremos deixar constancia das actividades que se viñeron facendo dende o inicio do curso, tanto por parte do propio ENDL, coma doutros docentes e grupos de alumnos que foron suxerindo e elaborando diversas propostas.




Comezamos coas fotos do Samaín, para o que ENDL propuxo un CONCURSO DE MICRORRELATOS.

20/02/2009







MULTICULTURALIDADE




Un dos signos de identidade do noso centro é a multiculturalidade. Unha boa parte dos nosos alumnos e alumnas son de distintos e distantes puntos xeográficos. Proceden de Rumanía, de Marrocos, Senegal, Guinea, Ghana, de Colombia, Arxentina, de China... E tamén de diversos lugares da xeografía española.
A diversidade que aquí impera é positiva e enriquecedora para todos, para os que veñen de fóra e para os que somos de aquí, xa que se favorece o coñecemento das diversas linguas e culturas que se mesturan, de forma directa non a través da TV ou doutros medios. E a información e o coñecemento que deste xeito adquirimos levan a evitar todo tipo de tópicos e prexuízos que ás veces temos, e, por suposto, levan á integración e isto, á súa vez, a un benestar social que todos desexamos.

05/02/2009

GALICIA BILINGÜE?

Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da EPA de Ourense NON queremos manifestar a nosa opinión sobre a existencia de GALICIA BILINGÜE, senón poñer ao descuberto as MENTIRAS e a DEMAGOXIA que utilizan no seu discurso, que queda diafanamente reflectido no seu manifesto para a Manifestación que celebrarán este próximo sábado, día 8 en Santiago de Compostela, e á cal vos animamos a asistir (para que se vexa que este comentario non ten nada de agresivo e radical, senón que pretende que aquel que o lea reflexione, vexa o que hai e decida quen di ou non a verdade)
Enunciaremos unha por unha todas as mentiras que esgrimen:
1º.- Galicia NON é BILINGÜE, por desgraza, se o fose, o noso ENDL non tería sentido. Mentres un 90 % (senón máis) da televisión, da radio e da prensa que se consume no país sexa en castelán fronte á reducida proporción en galego. Mentres a meirande parte dos xulgados, dos médicos, dos profesores universitarios..., se exprese en castelán fronte ao reducido número de profesionais en niveis altos de competencia que se expresan en galego. Mentres exista unha asociación coma GALICIA BILINGÜE, isto demostrará que Galicia NON o é: porque existe o conflito lingüístico, porque está cientificamente demostrado (así que ninguén serio pode dicir que isto é opinión) que existen linguas minorizadas que sobreviven xunto a outras que non o son: e o galego é unha lingua minorizada que sobrevive xunto ao castelán de xeito DIGLÓSICO. Galicia NON É BILINGÜE, Galicia PADECE DIGLOSIA, e a asociación GALICIA BILINGÜE minte se afirma que as dúas linguas están en igualdade de condicións, que hai que defender tanto unha coma outra. Hai que defender e apoiar o uso da lingua minorizada, que por suposto non é o castelán. Hai que educar as novas xeracións en galego para que logo poidan escoller libremente usar esta lingua ou o castelán, ou o inglés, ou a que queiran, pero dende unha escolla igualitaria.
2º.- GALICIA BILINGÜE esconde baixo a faciana de defender as dúas linguas un vitimismo castelanista. É dicir, o que subxace no seu discurso é que certos grupos radicais IMPOÑEN o galego. Pode que sexa así. Tamén a ditadura franquista impuxo o castelán durante 40 anos e borrou da escola o galego, e considerouno “dialecto” do castelán. Pero a diferencia fundamental é que a suposta “imposición” actual do galego non parte dunha situación política ditatorial, senón dos estudos científicos daqueles que consideran que para que unha lingua minorizada (galego) siga viva e non morra fronte á lingua forte (castelán) é preciso apoiala dende as institucións, dende a escola, educando as novas xeración na valoración dese patrimonio, pero non dende a barreira, senón co seu propio uso. Esa imposición, ademais, non foi en absoluto real nos 16 anos de goberno conservador en Galicia, cando ninguén se preocupaba na realidade do día a día se se cumprían as cotas de materias que debían ser impartidas en galego, e moitos deses docentes daban a clase na lingua que lles parecía (ou sexa, o castelán) saltándose a lei. Parece que agora que as cousas empezan a facerse seriamente (e mesmo así aínda non se cumpre o decreto de Normalización na realidade dos centros educativos) ten que xurdir GALICIA BILINGÜE. Pregúntome por que nesta concreta conxuntura, e non na ERA FRAGA. Sería acaso porque el abandeiraba unha democracia tan sumamente laxa e liberal que accedía a que os seus Conselleiros de Educación permitisen aos docentes saltarse a lei de Educación e incumprila ao seu antollo”libre” e “democraticamente”.
3º.- Máis mentiras, os creadores galegos teñen acceso a múltiples axudas de creación artística en castelán porque para iso xa está o MINISTERIO DE CULTURA do Goberno Español. O lóxico e indiscutible é que aqueles que queiran disfrutar de axudas para a creación en lingua galega acudan ao propio goberno de Galicia, que para iso ten esas competencias. Ou somos, ou non somos TODOS españois e galegos a un tempo. Que quero subvención en español? Acudo ao Goberno de España. Que quero subvención en galego? Acudo ao Goberno de Galicia. Ningunha porta se me pecha. Gozo da duplicidade de ser dobremente gobernado. Este argumento de GALICIA BILINGÜE é tan falaz que parece mentira que a eles mesmos non se lles caia do argumentario polo seu propio peso coma unha folliña levada polo vendaval da razón pura.
4º.- Sobre o feito de que as comunicacións sexan bilingües non hai máis que mirarse no espello da situación do País Basco. Alí, de xeito efectivo, alguén que non saiba basco é imposible que o comprenda, así que o texto ten que estar traducido ao castelán indubidablemente. Pero é outro feito tan evidente, que discutilo resultaría absurdo, que castelán e galego son tan semellantes, que calquera persoa cun mínimo de capacidade e de sensibilidade lingüística pode comprender un texto en castelán sendo galego falante, coma un texto en galego sendo castelán falante. Duplicar o esforzo e sobre todo o PAPEL, resultaría altamente ANTIECOLÓXICO.
5º.- Por último, e como docentes, sobre isto temos moito que dicir: TODO ENSINO É ADOUTRINAMENTO. É dicir, GALICIA BILINGÜE (de xeito semellante aos pais e nais obxectores da Educación para a Cidadanía, por exemplo) argumenta que dende o ensino “adoutrinamos” aos seus fillos. Perfecto, señores, e que ese é o noso traballo. Se queren que os eduquemos, déixennos educalos. Se queren educalos vostedes sos, sen influencia de ninguén máis que pense diferente de vostede, non pida ensino segregado castelán/galego, senón que terán que darlles vostedes mesmos as clases na casa. Calquera docente adoutrina co seu comportamento dende que entra nunha aula e saúda, e pide as cousas por favor, e comenta que non se pode ser violento, e que hai países do Terceiro Mundo onde morren nenos de fame, e que vivimos na sociedade da opulencia, e que existe xente de dereitas e de esquerdas, e que hai diferentes opcións sexuais, e todas válidas, e que a violencia contra a muller é unha lacra social..., ou preferirían que só lles explicasemos a acentuación e as táboas de multiplicar como contidos abstractos e faltos de todo contido moral e ético. Pois ao respecto das linguas que poden usar libremente pasa o mesmo. Unha é forte, non hai que defendela nin coidala, nin fomentar o seu uso culto, formal, en ámbitos de importancia social e económica. Esta é o español, cunha saúde a proba de ferro xa que en extensión planetaria é a segunda lingua máis falada do mundo, a cuarta en número de falantes tras o inglés, o chinés e o hindi. A outra é o galego, a que é preciso fomentar, axudar, apoiar, NORMALIZAR, sendo un dos puntos claves da súa normalización O ENSINO.

Todo é así de claro. Darlles a volta ás cousas e poñer o mundo ao revés é absurdo, só nos conduce ao sensentido.
Pero o mellor que podemos facer é achegarnos á manifestación e escoitar os representantes de GALICIA BILINGÜE e comprobar dúas cousas fundamentais, que serán moi significativas:
1º.- o seu talante e espírito democrático
2º.- o número deles que usa o español, e o nº deles que usa o galego.
Neste último caso creo que os números darán a razón ao nosos argumentos. Nesa asociación o 90% han de ser españois falantes, e haberá, con sorte un 10% de galegofalantes, o que demostrará de novo que o galego está minorizado, mesmo dentro de GALICIA BILINGÜE.

Se queredes obter máis información ao respecto, revisade o último DECRETO DO USO E PROMOCIÓN DO GALEGO NO SISTEMA EDUCATIVO

Sobre linguas minorizadas: Mal de linguas de Jesús Tusón

23/01/2009

XII CERTAME DE NARRACIÓN CURTA do Excmo. Concello de Ourense

O Concello de Ourense convoca o XII CERTAME DE NARRACIÓN CURTA dirixido a escolares que cursen ESO o BACHARELATO en calquera dos centros de ensino do concello.
Se vos animásedes a participar as bases son as seguintes:

1. Os escritos a ordenador e en formato CD en lingua galega, segundo a normativa vixente.

2. A redacción deberá realizarse individualmente con tema libre e cunha extesión de entre 5 folios mínimo a 7 folios máximo a dobre espazo.

2. Os textos preseentados deben ser inéditos e orixinais e deberán pasar pola preselección do profesor de lingua galega non podendo presentarse máis de dous relatos por aula.

3. O parzo de entrega remata o 3 de abril ás 14:30 horas.

4. Os traballos entregaranse a Dona Isabel Doval en man nas dependencias da Concellería de Educación (Praza San Martiño, 2, 1º) ou ben ser enviados por e-mail a: educa.programas1@ourense.es

5. Establécense os seguintes premios:
  • 1º e 2º premios de dous MP4 cada un.
  • tres accesits dun MP3 cada un.
  • Diploma acreditativo de participación en dito certame.
  • Libros do autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano: Ramón Piñeiro.

6. O xurado estará composto por profesores de lingua ou escritores e técnicos da Concellería.

7. A entrega de premios realizarase a Semana das Letras Galegas.

8. Os mellores traballos quedan a disposición da Concellería co gaio de seren publicados se se estima oportuno.

9. A participación neste certame implica a total aceptación destas bases.

20/01/2009


Onte foi o 200 aniversario no nacemento dun dos mellores escritores da literatura norteamericana, e por ende, da literatura universal. Foi o "pai" de novos xéneros literarios como o policíaco de deducción, a ciencia ficción ou o terror psicolóxico.

Nestas primeiras probas no noso blogue queremos aproveitar para animarte a ler os seus inquietantes e terroríficos relatos.

Tedes editados os seus contos en galego na EDITORIAL TRIS TRAM, e dispoñedes dun exemplar na Biblioteca Nodal de Ourense na rúa Concello, na sala de galego, coa sinatura C POE con.


Ligazóns.-




FELIZ E ARREPIANTE LECTURA!!!