15/06/2009

ASEMBLEA DE EQUIPOS DIRECTIVOS

Presentámosvos o escrito dunha asemblea de Directores de Centros educativos celebrada este pasado sábado 13:
o 0 O 0 o 0 O 0 o 0 O 0 o 0 O 0 o
Máis de 100 membros de equipos directivos reunidos en Asemblea convocada pola CIG-Ensino e celebrada en Compostela fan público o seguinte comunicado:

1. A actitude da Consellaría de Educación, impedindo que o profesorado poida emitir a súa opinión sobre a chamada “consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia”, vulnera dereitos fundamentais como é o da liberdade de expresión e de cátedra , pretendendo converter os centros nunha canle de pensamento único e adoutrinamento parcial e sesgado. Non deixa de ser paradoxal que a Consellaría emita esta consigna cando ela é a primeira en cuestionar o Decreto vixente, malia que a súa legalidade foi confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e despois de insistir na mentira da imposición.

2. A Consellaría usa de xeito partidista a educación e censura opinións diferentes á súa, que o único que procuran é dar outra opinión a quen se lle pide que participe nunha consulta amañada, prohibindo que se dea información da propostas das organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica, equipas de normalización lingüística, ANPAS, etc... contradicindo o que reflicten os preceptos legais de promoción e uso do galego recollidas na actual normativa.

3. Como profesores e profesoras e membros dos equipos directivos imos actuar segundo o noso criterio sen deixarse intimidar polas ameazas ilegais dunhas autoridades educativas que perderon o seu carácter institucional para comportarse como axentes electorais dun partido político. Neste sentido esiximos a retirada das notificacións enviadas ao centro por represivas e ilegais.

4. Denunciamos a irresponsabilidade da Consellaría de Educación que non ten reparo, no momento de máis traballo nos centros, coincidindo co fin de curso, en cargar sobre as direccións, en contra da súa vontade, con encomendas que lle son alleas e mesmo contrarias aos seus cometidos, esixíndolle ao mesmo tempo a custodia destes documentos e obrigándoos a recoller datos que poden conculcan a Lei de protección de datos..

5. Obrígasenos a responsabilizarnos da vixilancia dunha chapuza xurídica que non cumpre ningunha garantía mínima. Dun inquérito tendencioso que impide expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego. Co único obxectivo de xustificar a involución na normalización lingüística e restrinxindo, exclusivamente ás familias que nestes momento teñen alumnado escolarizado, o dereito a opinar, cando o sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galiza, son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade..

6. Resulta paradoxal que se nos estea anunciando recortes na calidade do ensino (supresións de prazas, agrupamentos,...) coa escusa da crise e se leve a cabo este dispendio en recursos económicos para atacar á nosa lingua. Para diminuír a presenza do noso idioma no ensino non hai crise.

Polo anteriormente dito rexeitamos esta enquista e reclamamos que se nos exima de responsabilizarnos deste traballo alleo aos nosos cometidos.

12/06/2009

TOMÉMOLO CON HUMOR...







09/06/2009

MENSAXE E REFLEXIÓN DA COORDINADORA GALEGA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os membros da CGENDL, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que, polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.
Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.
Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.
Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que
se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades. Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.
E dito isto, queremos insistir en:
a. é unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade.
b. se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”.
c. o galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino.

Estes parécennos motivos suficientes e razoables para difundir este tríptico entre as familias e a sociedade galega en xeral. Polo tanto, está á disposición de todos aqueles ENDL, ANPAS, direccións de centros ou calquera persoa da comunidade educativa ou relacionada co mundo do ensino, e mesmo da sociedade en xeral, que queira difundilo.

BREVE VALORACIÓN DA ENQUISA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

A enquisa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pensa distribuír esta mesma semana entre as familias a través dos centros educativos é pouco rigorosa e mostra un grande descoñecemento tanto da sociolingüística coma do mundo do ensino, o que nos parece aínda máis grave.
Por poñer un exemplo, non existen materias troncais no ensino non universitario, esta é unha
terminoloxía do ensino universitario. Polo tanto, o señor Conselleiro debería saber que o que hai son materiais obrigatorias e optativas, propias de modalidade ou non. É así que non vén a conto empregar o termo “troncais” porque non hai unhas materias máis importantes ca outras, todas teñen unha misión educativa global.
Centrándonos na cuestión da análise sociolingüística, nunha breve análise podemos observar:
1. En qué documento, lexislación, tratado, artigo ou normativa aparece recollido o dereito a escolleren os pais a lingua da docencia dos fillos? Porque si existen moitos outros dereitos que as persoas, na maior parte dos casos, non poden exercer, por exemplo o dereito a seren atendidas en galego na Xunta de Galicia cando o soliciten.
2. Estase preguntando sobre un dereito, “o dereito de coñecer o galego”, fallando na metodoloxía, porque tal e como están presentadas as preguntas non fai falta ser moi experto para darse conta de que o que se extraia de aí non pode valer para moito e menos para facer un novo decreto. Porque? Nas opcións de resposta vemos:
· “todo en galego” que non se refire a todo o ensino en galego, senón a tódalas materias, que na enquisa se denomina troncais, en galego.
· “a maioría en galego” (que é a maioría?: o 52% ou o 95%?), · “unhas en galego e outras en castelán”, a xente pode pensar que esta é a mellor resposta porque indicaría o 50% e iso non é certo. Se queremos que o 50% do ensino estea en galego hai que contestar “todas en galego” que é o que marca o actual decreto.
3. Tampouco é fiable xa que non presenta as mínimas garantías de calquera consulta para que os resultados sexan cribles. O universo da investigación parece que vai ser todo, pero, como o van garantir?
· A cantos pais lles vai chegar? Nestas alturas de curso, como van facer para que o alumnado entregue na casa a enquisa e a traia de volta no prazo duns días. Ademais, como van asegurar que a enquisa a van contestar os pais que deban facelo?
· Cantos pais van contestar? Os concienciados dunha ou doutra banda, pero vai ser fiable se só contesta un 10% e esa porcentaxe está nutrida maioritariamente por pais das urbes, por exemplo.
Para ter algunha fiabilidade debería haber unha mostra estratificada que cubra a diversidade sociolingüística da sociedade.
· Déixase a distribución e recolla en mans de direccións que no final de curso están sobrecargadas de traballo.
· Pregúntase aos pais con fillos escolarizados en xuño de 2009 mais non aos que van entrar no sistema en setembro. Contestan os pais que tiveron fillos neste curso que vai rematar dos que parte non van estar escolarizados no vindeiro curso? Por que non se lles pregunta aos pais que van escolarizar rapaces para o vindeiro curso?
4. Pretenden facer un referendum? Para iso habería que facer outras preguntas e formulalas de modo diferente. O que se cadra era interesante preguntar era se os pais consideraban importante que os seus fillos/as ao rematar o ensino obrigatorio fosen competentes nas dúas linguas oficiais en Galicia, con dúas opcións de resposta: Si ou Non .
5. Non houbo unha campaña de información rigorosa previa. Non se deu. Prevalece a propaganda mediática que tivo e ten intencións políticas máis ca educativas. Non se lles pode mandar ós pais que contesten unha enquisa con tantas “eivas” nun momento de “marexada” informativa, cando ademais falamos dunha poboación que está chea de prexuízos cara ó galego derivados en moitos casos da represión lingüística que sufriu o galego ata os anos 80.
Para rematar: fará a Consellaría máis enquisas sobre temas fundamentais como a ratio de alumnos/as por grupo, a necesidade de persoal de apoio nas aulas ou pola seguridade nos autobuses? E se pregunta sobre o gasto en biblioteca por centro ou o financiamento dos comedores escolares?

05/06/2009

PARA QUE EXISTIMOS?

Ao parecer, tal e como se van desenvolvendo os acontecementos, imos desaparecer...

Iso sempre foi un desexo de calquera EQUIPO DE NORMALIZACIÓN, é decir, se xa non se precisa que existamos será porque o uso do galego está plenamente normalizado no ámbito do ensino...

pero, ao parecer, a nosa desaparición vai vir provocada pola causa diametralmente contraria...,
parece ser que a Consellería pretende facer unha enquisa a pais e nais acerca da lingua vehicular do ensino que desexan para os seus fillos...

segundo isto, por que non se fan tamén outras tantas para que opinen sobre cantas materias teñen que estudar, ou cantos deberes teñen que mandar os docentes..., ou tantos outros asuntos?
Seica estas decisicións non as deberían tomar os profesores, mestres e pedagogos, que son os especialistas na materia, e non a opinión dos pais e nais resultado dun referéndum?

Sinalemos que as ANPAS a través do Consello Escolar de Galicia apoiaron o actual Decreto 124/07 que regula o uso do galego no ensino.

Pois nada, que o seguinte vai ser consultarlle á cidadanía se compensa gastar cartos nos Equipos de Normalización, unha vez xa se teña decidido que castelanicemos o noso ensino...

para que normalizar nada, cando para "eles" o normal é que se explique nas aulas en castelán, e que o galego siga a ser unha lingua de ámbito familiar e útil somentes "para lle falar ás vacas"?

Pero nos anos que lle resten de vida aos ENDLs..., para ben ou para mal..., aínda queda moito traballo por facer. Adiante!

29/05/2009

...XA TEMOS A REVISTA!!!

Se queres ler o primeiro número da nosa revista da EPAPU


Coa frela das palabras...

...pídenola!!!

15/05/2009

O GALEGO: A NOSA COLUMNA VERTEBRAL

O GALEGO, A NOSA COLUMNA VERTEBRALO IDIOMA QUE NOS UNE!
O vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela producirase unha manifestación histórica en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos. Para reivindicarmos o dereito básico a podermos vivir no noso idioma propio, o cal debe ser garantido polos poderes públicos.
Vemos con preocupación como o PP, desde a Xunta de Galiza, pretende desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como o amparo xurídico en aspectos tan fundamentais como o ensino. Levar a cabo medidas de ataque contra o galego supón un perigo de confrontación indesexábel e de fractura social, ademais de ir contra acordos unánimes do Parlamento e vulnerar o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.
Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de “imposición del gallego”, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o sistema educativo, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación.
Así mesmo, a Real Academia Galega vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego. Perante a necesidade de respostas por parte da sociedade galega, animamos a:
* Participar nos actos de mobilización en defensa da nosa lingua, cuxa vindeira cita máis importante é a manifestación nacional convocada para o 17 de maio ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela. Sairán autobuses desde diferentes puntos de Galiza.
Informáte neste web e no teléfono 981 56 38 85.
* Apoiar o “Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego”, que se pode apoiar a través de internet. Infórmate no web da Mesa.
* Secundar as campañas e iniciativas da Mesa pola Normalización Lingüística. Infórmate no web da Mesa.

24/04/2009

O RINO regálache un conto...


A editorial Rinoceronte regálache un conto dun dos clásicos da narrativa universal.

Na súa páxina web, no enlace que che damos a continuación, tes un aperitivo dun dos libros máis cheos de interesantes historias... o Decamerón.